Saturday 04 de May de 2024

Os Reis Magos farán un percorrido de máis de 11 quilómetros por Carballo e recuperarán a tradicional recepción aos nenos e nenas


A cabalgata será retransmitida en streaming para que poidas saber en que punto se atopan as carrozas de Melchor, Gaspar e Baltasar

Os Reis Magos regresarán o día 5 a Carballo para saír en cabalgata polos barrios urbanos. O percorrido, que supera os 11 quilómetros, detallarase nos vindeiros días, pero para que todo o mundo saiba en que punto se atopan as carrozas de Melchor, Gaspar e Baltasar en cada momento tamén se poderá seguir en streaming a través das redes sociais e da plataforma www.carballoenrede.com, na que verás nun mapa por onde vai a cabalgata.

Despois de dous anos marcados polas restricións derivadas da COVID-19, a cabalgata recupera o seu formato tradicional. Volverá a haber caramelos, grazas á colaboración do Centro Comercial Bergantiños e Caixabank, e volverá a haber recepción, para todos os nenos e nenas que o desexen, ao remate do percorrido na Praza do Concello. Tamén recuperamos a presenza dos/as paxes reais. Unha delas estará hoxe mesmo, de 17.30 a 20.30 horas, na Praza do Concello e no poboado do xardín para recoller as últimas peticións dos nenos e nenas para os Reis Magos.

A saída da cabalgata está prevista para as 17.30 horas do 5 de xaneiro, e o percorrido, que incluirá a habitual parada na igrexa parroquial de San Xoán Bautista, durará arredor de dúas horas. Para amenizar a espera, a partir das 19.30 haberá animación infantil na carpa da Praza do Concello coa Picadiscos Mari Faltri.

A cabalgata, organizada pola Concellaría de Cultura, será posible un ano máis grazas á colaboración de empresas, persoas e colectivos como a Agrupación de Voluntarios e o Servizo Municipal de Protección Civil, a Policía Local, os Bombeiros de Carballo e a Brigada Municipal de Obras.